GRUPO OURIOL. RITOS DE RESISTENCIA

Teatro Principal
DATOS BÁSICOS

Ritos de resistencia é un recital multidisciplinar (poesía, música e imaxe) que ten como eixo central os poemas de Luísa Villalta, autora homenaxeada neste ano 2024 co Día das Letras Galegas. O recital, dunha duración aproximada de 60 minutos, consiste no recitado dos poemas por parte da poeta e comunicadora Eva Veiga, ao tempo que os músicos Bernardo Martínez (percusión e xoguetes musicais) e Fito Ares ( frauta e saxo soprano) inter-actúan de forma instantánea coa palabra a través das suxestivas sonoridades dos instrumentos. Neste sentido, son fundamentais tanto a concentración-constelación sonora como o silencio. Asemade, durante o recital proxéctanse  as imaxes realizadas para o evento polo recoñecido artista Alfonso Costa. Trátase, en última instancia, de sentir e ofrecer unha experiencia estética o más integral posible en total conexión co público. A escolla dos poemas vén realizada pola propia recitadora Eva Veiga quen asemade, é boa coñecedora da obra poética villaltiana sobre a que ten publicado diferentes estudos.
No recital participan:
•    Bernardo Martínez e Fito Ares na parte  musical 
•    Alfonso Costa na proxección de imaxes  
•    Eva Veiga a voz recitadora.

 

Grupo Ouriol

Aínda que os seus integrantes veñen desenvolvendo por separado unha longa e frutífera traxectoria profesional, avalada en cadanseu caso con importantes recoñecementos, o Grupo Ouriol constituíuse como tal no ano 2003. Dende entón vén realizando proxectos moi diferentes, mais co denominador común de conxugar música, imaxe e palabra poética nun mesmo espazo e nun mesmo tempo co fin de acadar unha experiencia estética o máis integral posible.

O seu repertorio é numeroso e abrangue a poetas doutras linguas. De igual modo teñen actuado en escenarios de toda Galicia e tamén noutros de Madrid, Málaga, Barcelona, Donostia, Xaén, Bos Aires, Montevideo,  La Habana, etc.

Duración: 
60 MIN
Entradas: 

Máximo 2 convites por persoa. Dispoñibles (a partir do venres, 3 de maio) en:

  • compostelacultura.gal
  • Despacho de billetes da Zona C. Punto de Información Cultural. De martes a sábado, de 11 a 14 e de 16 a 19 h. Tel.: 981 542 462
  • Despacho de billetes do Teatro Principal. O día do espectáculo desde 1 h antes do comezo do mesmo. Tel.: 981 542 349
Funcións: 
Sábado, 18 Maio, 2024
20:30
Teatro Principal